Monday 29 de April de 2024

A sala de exposicións de Brión quedou pequena na inauguración de “Añoranza de Aguiño”, unha mostra de Manuel Ayaso



Máis dun cento de artistas e veciños asistiron á reapertura da sala brionesa, que o pintor ribeirense salientou dicindo que “se non hai onde expoñer, se non se ve a obra, non vale de nada”

Máis dun cento de recoñecidos artistas galegos e veciños e veciñas asistiron á reapertura da sala de exposicións do Concello de Brión, que foi reformada e acondicionada durante o último trimestre e que retoma a súa programación artística cunha exposición de 37 obras do pintor ribeirense Manuel Ayaso. Unha mostra titulada “Añoranza de Aguiño” que poderá visitarse en Brión ata o vindeiro 5 de maio en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, de luns a venres.

O alcalde de Brión, José Luís García, foi o encargado de inaugurar esta exposición e destacou que “é unha gran satisfacción ver esta sala de exposicións chea de xente porque cando se fai un investimento, o primeiro que queremos é que ese gasto sexa útil para a veciñanza. Sei que non está ben visto investir en cultura, sobre todo en épocas de crise, pero en Brión somos xente distinta e pensamos que canto maior acceso teñan os nosos veciños e veciñas á cultura, mellor será para todos”.

Sobre Manuel Ayaso, García apuntou que “é digno de admirar que unha persoa sexa quen de levar consigo as vivencias do seu lugar de nacemento e basear nelas a súa arte. E iso sendo aínda tan só un neno e estando nunha das cidades máis cosmopolitas do mundo como é New York”. Neste sentido, o alcalde brionés indicou que “ese profundo amor pola súa terra é algo que en Brión entendemos mellor ca en ningún outro lugar, pois é algo que compartimos” e pediulle a Ayaso “que non teñamos que esperar outros catro anos para poder desfrutar dos teus cadros”.

Añoranza de Aguiño

Ayaso foi presentado polo actor, director e narrador ribeirense Quico Cadaval, “feliz por ver a obra do meu curmán, pois somos sétimos primos”. “Terceiros”, corrixiu Manuel Ayaso. Cadaval fixo unha intervención chea de humor sobre os inicios da vida do artista, a quen tecnicamente dixo que “hai que o relaciona co Bosco e con Goya, e evidentemente tamén con Picasso”. Porén centrou a súa disertación en narrar aspectos da vida de Manuel Ayaso e as súas vivencias de neno, que tanto marcaron a súa obra posterior. “Aló temos un bar cun mapa de Panxea no que se pode ver perfectamente como Aguiño e New York estaban tan só a tres quilómetros de distancia. Despois se foron separando os continentes pero moitos quedaron coa idea de que New York queda aí ao lado, máis preto incluso ca Ribeira”, bromeou Cadaval.

Finalmente, Manuel Ayaso agradeceu a asistencia de todos os presentes e felicitou ao Concello de Brión pola renovación da sala municipal de exposicións. “Se non hai onde expoñer, se non se ve a obra, non vale de nada”, explicou, ao tempo que indicou que “teño vido a Brión varias veces, coñecín moitos artistas e collínlle cariño”. Sobre a súa exposición, Ayaso limitouse a explicar que “a obra tendes que vela e, se vos gusta, entón é boa. E se non vos gusta, pois non o é”.

O artista ribeirense recolleu o guante lanzado polo alcalde brionés e asegurou que “espero volver expoñer en Brión”, ao tempo que lle agradeceu a edición dun catálogo sobre a exposición, dispoñible na sala municipal brionesa mentres dure a mostra. Así mesmo, agradeceu a sentida intervención de Quico Cadaval, se ben bromeou dicindo que “sabe cousas que eu mesmo olvido, pero de aquí en adiante non lle vou contar nada máis porque o conta todo”.

Neste sentido, explicou unha anécdota da súa infancia en Tállara (Lousame) onde foi partícipe dun exorcismo. “Dicían que estaba endemoniado e o que tiña era unha enfermidade mal curada”, apuntou Ayaso, quen agradeceu “a intelixencia” de dous doutores de Caldas de Reis e de Pontevedra, “o doutor García Cabezas pois grazas a eles podo estar aquí”. Ayaso explicou aos presentes como en Tállara “un tío do cura Don Ignacio tumboume nun altar e empezou a pasar sobre min. Cargáronme de crucifixos”.

Ayaso

Manuel Ayaso é un dos artistas plásticos galegos con maior traxectoria creativa e proxección internacional. Nado en Aguiño (Ribeira) en 1934, viviu dende neno nos Estados Unidos, país onde desenvolveu a maior parte da súa longa e frutífera carreira artística. Unha circunstancia que non lle impediu conservar unha forte ligazón sentimental coa nosa terra, que aparece reflectida na maior parte da súa obra.

Estudou Belas Artes na Newark School of Fine and Industrial Arts of Newark ( New Jersey) e logrou realizar máis de 60 exposicións, con recoñecemento do público e da crítica, en diferentes museos de New York, Canadá, México, na cidade do Vaticano, España e Galicia. En Brión ten participado nos Encontros coa Arte dos anos 2008 e 2010, así como nas exposicións colectivas dos mesmos Encontros un ano despois. En 2013, participou nunha exposición conxunta con Alfonso Costa chamada “Entredous”.